Joaquín Enríquez e Antón Cortizas poñen banda sonora ao Barrio de Canido

 16 DE JULIO DE 2021, 07:20 – DIARIO DE FERROL

 

O Centro Cívico acolleu onte a presentación da web e da canción e videoclip dedicada ao barrio enmarcada nunha proposta centrada na toponimia «Canido en Nomes» No marco deste mesmo proxecto nace a canción e o videoclip dedicado ao barrio. O músico e presidente da Asociación de Acordeonistas de Ferrol, Joaquín Enríquez, puxo a melodía a un poema do escritor local Antón Cortizas ao que prestou a súa voz a presentadora do Luar Rocío Rodríguez. Da gravación encargouse Andrés Bereijo e da produción Pedro González (Vanenfurgo). Javier González, de Explorer 66 Air, realizou o videoclip.

Unha peza audiovisual que permitiu á intérprete do tema achegarse por primeira vez ao barrio de Canido, gozando alí do que, di, “foi unha experiencia marabillosa, un regalazo para min”. Di Rocío Rodríguez que o que máis lle soprendeu da zona “é que é un auténtico museo ao aire libre”, cunha xente que cualifica como “maxia”, tras comprobar o grado de implicación nun proxecto no que ela colaborou encantada.

Como mostra de agradecemento á súa desinteresada participación, a Asociación de Acordeóns de Canido-Ferrol, acordou nomeala socia de honra da entidade. O seu presidente, Joaquín Enríquez, é tamén o creador da páxina web onte presentada (https://canidoennomes.eu).

A descrición do roteiro, apartados relacionados con nomes esquecidos ou aspectos cartográficos forman parte dun proxecto web que pon tamén a proba os coñecementos da cidadanía cun xogo de preguntas.